Blackman (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/08/2001)

Recibo comentario simpático a unha destas columniñas, en referencia a apelidos; e, en concreto, ao de Porca. Curiosamente, hai dúbidas de que o tal nome corresponda ao animal doméstico. Seica tamén é -suínico- topónimo…
Pero sigamos coas exquisiteces de nomes de familia cos xéneros cruzados (feminino para varóns e masculino para femias):
Nos últimos meses, os medios de comunicacións expresados en inglés ocupáronse dun caso sinistro -tan sinistro coma, ao parecer para nós, resultan moitos costumes xaponeses.
Hai alá, no país do sol nacente, mozas de profesión que aquí pasaría por insatisfactoria: as que acompañan os homes ricos e aburridos. A compañía consiste e escoitalos, dicirlles catro parvadas e, tal vez, cear.
Os que pagan tal servicio, aprecian a beleza da acompañante, e valoran ao máximo que sexa de extracción europea, loura e de ollos claros.
Estas condicións de aparencia eran cumpridas por unha rapaza inglesa, azafata de profesión, que abandonou a súa vida tranquila pola aventura de se facer riquísima en Toquio a base de aturar tipos que lle falaban en “broken English”.
Un deles, constructor arruinado, matouna e meteuna nun bloque de cemento.
A familia da -ao fino xeito- rameira armou moito rebumbio e conseguiu que se investigase o ocorrido.
Cando a investigación chegou a fin viñeron as protestas dos parentes de acompañadoras filipinas desaparecidas. Dicían que a xustiza xaponesa só actuara porque se trataba dunha “white woman”.
E velaí que o apelido da asasinada é Blackman.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/08/2001]

Share

Deixar unha resposta