O efecto eclipse (A voo de tecla, 04/01/2008)

Tendo Galicia unha relación coa Arxentina tan profunda como ten, por veces sorprende, e mesmo ofende, a ignorancia de bos lectores, e mesmo profesores, sobre a literatura nacional do país que formou ao mestre Blanco-Amor.
A razón para iso é a colonización cultural de Galicia por Madrid. Aquí só existe o que Madrid manda existir e, no caso da Arxentina, os xerarcas culturais madrileños decidiron hai moito que era dabondo con dous nomes pasados polos filtros de París: Borges e Cortázar. Máis nada: nin sequera soan Bioy ou Ocampo. Hai sombras de Sábato, o escuro. Malamente pódese falar de Hernández, polo dos versos gauchescos; e, se cadra tamén por gaucheríos, Güiraldes é vagamente lembrado.
Ignóranse nomes que fixeron corpo literario, que reflectiron unha nación en marcha, filla de cen pobos; que pintaron con forza esmagadora as paisaxes do único país do mundo que ten todos os climas, da selva tropical ao deserto, das pampas ao xeo eterno. Quiroga é ignorado, como Zeballos ou Sarmiento, Cambaceres, Lugones, Mansilla e a súa irmá Eduarda, Cané, Wernicke… Os de apelido británico –House, Hudson, Lynch– nin se saben pronunciar. Puig relaciónase cunha película. Abeijón non existe.
Pero quizais o “efecto eclipse” de Borges e Cortázar vaia tocando a fin. Un editor coruñés, Riestra, anuncia ventos favorables para unha grande literatura desprezada. Vén de publicar “Allá lejos y hace tiempo”, de Hudson, e “El inglés de los huesos”, de Lynch: dous clásicos imprescindibles, universais.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/01/2008]

Share