En Cedeira (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/08/2001)

Contáballe onte ao paciente lector que, se non puiden mirar o Mar da Arousa, alomenos mirei outras belezas do país poboado por unha xente que se empeña en ser innación.
Curioso o nome de A Pena do Rei Mouro, en terras onde os mouros non puxeron pé nada máis que nas lendas. E recordable a conversa co Toni Iturbe, xornalista barcelonés emparentado en Igrexafeita que me descubriu o recanto…
De alí, seguindo o pedido amable do Anxo Fernández, productor de audiovisuais, baixei ás glorias estivais de A Frouxeira, Pantín, Vilarrube e, por fin, Cedeira.
En Cedeira dei discurso sentido, con anacos de novela que os rapaces sofren na bacharelato e mesmo nas probas do COU, e de guía de lugares e viaxes, compartida co Chisco Fernández Naval.
A Cedeira da miña adolescencia (e de algún amor xuvenil, lindísimo, que xa entrou na dignidade dos que somos avós), o Santo André de A nosa cinza e o San Antón que cantou o Do Barro case estouraron en bágoas nada máis ver a praia da Madalena, nomeada como o areal de Cabanas ao que debo músculos e cor de pel.
Pero repriminme e dixen aos cedeireses que lles cómpre ser nacionalistas do seu lugar (como hai meses lles demandei aos de Miguelturra, pago da Mancha onde fun meniño); e que, para facer festas coa consciencia tranquila, hai que producir e innovar, porque o festexo debe ser só producto do excedente económico…
Recibín felicitacións que agradezo —especialmente a dun matrimonio vasco, que ben entendía de nación, producción e innovación en vila de pescadores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/08/2001]

Share

Deixar unha resposta