Cen millóns (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/08/2001)

Este día tiña pensado ir a Vilanova de Arousa e a Cambados. En Vilanova esperábanme tres xornalistas arxentinas que saben o que é Galicia, desde o Cantábrico ao Miño. En Cambados tocaba a gaita a Cristina Pato e cantaba a Laura Amado. As arxentinas e eu queriamos recuncar co espectáculo.
Pero eu esquecera que xente amiga reclamaba a miña presencia pública nunha ría menor e máis brava cá dos albariños.
Tomei logo pola estrada das Pontes de García Rodríguez ata Igrexafeita. Alí faría unha parada de longa conversa. Desde alí seguiría para Cedeira.
Toni Iturbe, xefe da revista Qué leer, esperaba por min a pé da estrada. Fixemos as cortesías á súa familia e ao pouco nos achabamos nun curuto de granito agudísimo: a Pena do Rei Mouro, que deixa ver unha beleza de Impaís ondulado, eucaliptizado, eolizado, con brillos de mar ao fondo.
Falamos de ideoloxía, de pertenza a partidos, de colaboración con quen ten o poder. Somos partidarios de colaborarmos desde a dignidade de non rogarmos.
Ao Toni preocúpao a concentración dos poderes editoriais, e admira os poucos editores independentes que fican. Preocúpano tamén —e, se cadra, fanlle rir— os manexos dos premios literarios.
Ao sol da montaña adiántame unha cifra: cen millóns de pesetas, do próximo premio Planeta.
Calamos. Cun desprezo infinito cara a nós, os aeroxeradores das Somozas xiraban en todo o seu brancor contra o azul do ceo.
Quizais o Toni e eu estivesemos a cavilar no mesmo: nos nomes posibles para o rei —por un ano— desa farsa literaria.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*