impaís.com (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/08/2001)

Chaman de Noruega. Alá teremos que ir de novo. Os que viron en Bergen a presentación en CD do IGAPE non esquecen a sensación de que —como nos dixeron— “Galicia non é unha rexión senón unha nación”…
Chaman dun despacho no que deciden cousas graves. Como consecuencia destas liñas a voapluma —en que se fala por veces da incesante emigración— informan da política perversa dunha firma multisectorial, orixinalmente galega e mandada por galegos desde Madrid:
Non só está a desmontar centros de traballo en Galicia e a levar galegos para Centralia, senón que envía para aquí “cachorros fieis e sen patria” a mandaren con espírito colonizador.
(Como a información está por completar, non se di o nome dese grupo de empresas)…
Chaman da Radio Galega, moi preocupados por “viajar.com”, que di asneiras atroces sobre Galicia en modo web. Xosé María Fernández Pazos espráiase nunha conversa compañeira, sobre a meteoroloxía (véxase “meteo.usc.com”) e sobre os avances da información que corre en datagramas pola interrede global (tecléese “codigocero.com”). Pero a radio normalizadora segue a esforzarse por pronunciar Pujol á catalana mentres pronuncia Rajoy á castelá…
Chaman dun ilustre instituto, que quere entrar nos avances do teleensino con base nos multimedia. Os obxectivos inmediatos son “galego para estranxeiros” e “portugués para galegos”. Pero os fillos dun sinalado membro dese instituto, catedrático de Galego, sempre falan castelán —como a mai, galega, lles ensinou…
En resumo: “impaís.com”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*