A Pato (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/08/2001)

Ten por apelido un nome de animal varón: Pato; como outras mulleres se chaman Raposo ou Cabalo; e como hai homes apelidados Choia ou Porca. Porque Galicia é así, malia que tantos galegos odien a súa peculiaridade.
Ela é peculiar coma o seu pobo, e non doada de entender polos cartesianos —a punto de parecernos de entrada unha extravagante que provoca co cabelo tinxido de verde.
Pero cando se escoita as persoas que saben de arte, a cousa cambia: a Cristina seica ten golpes de talento que fan imaxinar xenialidade…
O programa de actuacións da Cristina daría na cova cunha persoa maior, mesmo cun músico que fixese nos escenarios a décima parte de exercicio físico e mental que ela fai.
A Pato vai dar saltos por toda España, recalando por veces sobre puntos da xeografía galega.
E hai uns días estivo na Coruña, logo de que María Pita vencese a Drake en batalla de artificio.
A praza de “el ayuntamiento” encheuse. Eu tiven no colo a Irene, que acenaba coa man e aplaudía a súa mai, cantante á beira da gaiteira.
No escenario despregouse un alarde de xuventude, a potencia aparentemente física da moza ourensá que brinca en canto bota pulmón ao fol e pon dedos veloces no punteiro.
O seu solo dedicado a Ourense fixo o silencio, só atravesado de gaivotas inconscientes. Calaba a xente intuíndo arte.
Cristina Pato, malia a cabeleira falsamente herbácea, é mostra do que pode dar un cerebro de vinte anos educado para a música; e dedicado a conxuntar a realidade dos mozos coa cultura dos avós…
Longa vida teña.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*