Nudeces (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/08/2001)

Con pena dos galegos emigrados e dos turistas que nos visitaron en xullo, agosto parece que está a portarse como soñan os hostaleiros…
Este día fun a Baldaio cun fillo case antropólogo e un amigo del, case médico.
Naquela braveza, coa vista no sol sobre as Sisargas, demos en repasar as figuras que andaban polo areal.
Mandaba a gordura. Sobraban inmensas cantidades de baña, graxa, sebo, touciño, unto… recollidos en repregues da pel que convertían o visto nunha caricatura dos canons que nos venden as revistas do corazón.
Fronte ao espectáculo xeneralizado, que comentamos desde puntos de vista social e médico (moito costume e outra tanta xenética polo medio), aparecían siluetas tentadoras, de mozas e mozos lindos, co mínimo de roupa dentro do que por decencia se poida entender nestes tempos e na Fin da Terra europea.
Despois, levando as cousas aos termos de psicoloxía, mesmo chegamos a imaxinar os sufrimentos de quen tiñan consigo compañeira ou compañeiro a imitaren formas de cetáceos ou pinnípedes e ollaban ao tempo belos obxectos do desexo sexual.
Así as nosas parolas, fun dar un baño e camiñar pola beira. Desta guisa, nun momento coincidín con dúas paisanas maiores, de saia remangada, a mollaren os pés, e dúas rapazas espléndidas na súa tanga, peza única a cubrirlles o pube.
Unha das señoras, logo de velas, comentou algo que me deixaría pensativo:
—Velas aí con todo ao aire. Xa non che fai falta viaxar ao Ghapón para mirares estas cousas.
¿Por que ao Xapón?
Quen teña a resposta, escriba.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*