Á soviética (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/08/2001)

Corre agosto e a maioría da xente, de vacacións, coida que non se fai nada nestas semanas calorosas.
Pero é tempo de estudio: de calcar os cóbados quen suspendeu, e de aprender cousas novas quen non ten materias pendentes…
Onte tiven unha longa conversa cun profesor de técnicas para a producción orientadas aos multimedios interactivos (gratuitamente chamados, á ianqui, multimedia; ás veces ata con artigo feminino e singular: “a multimedia”).
Transcorreu a parola no corredor alto do Centro de Innovación e Servicios que atalaiado no mar da Cabana ferrolá.
Este profesor, responsable da conversión de humanistas en “contidistas” (productores de contidos no novo formato “web”), relatoume como unha pequena empresa galega foi desmontada a forza de bos salarios por outra grande, que orixinariamente tivera participación da Xunta, e que recentemente anda a levar todo o persoal para Madrid.
Como o escándalo é público e notorio en medios multimediáticos pódense dar o nomes: Quenda a destruída e Cesatel a trasladada.
E de novo cómpre a reflexión sobre a sangría constante de cerebros galegos cara a Madrid, e a miopía dos que toman decisións destructivas para Galicia nun negocio caracterizado pola súa ubicuidade (véxase, por exemplo, onde fica Bergen e o que alí hai de tecnoloxías da información e a comunicación).
Aínda máis: cando é tanta a demanda de profesionais para a nova forma de expresión na interrede global, ¿non cumpriría actuar á soviética?
Se aquí os formamos, que, por contrato, fiquen.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*