Vinganza (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/08/2001)

En húmida tarde Vicente Araguas xurdiu do seu retiro madrileño para se achegar á Galicia real que el fabula, entresoñada, desde alí.
Como diría Blanco-Amor, “a vida do adulto é un constante intento de involución uterina”. Por iso o Araguas vai para tras, rodeado de amigos, e de damnificados pola súa memoria abraiante, e pola sorna con que dá aviso (reléase Voces Ceibes).
En volta ao pasado, acompañado do Moncho Loureiro e o Pancho Franco, poéticos novelistas, o Vicente presentou dous libros dos que xa deran novas os periódicos, desde o Faro de Vigo ata o Diario de Ferrol
Despois paseamos polas rúas enveranadas da Madalena ferrolá, atopamos o Francisco Rodríguez a descansar das Cortes, falamos con el do noso instituto de bacharelato; e acabamos nun rebumbio babélico, con mencía a liberar as linguas.
Acompañábannos Xaime Bello e Perfecto Conde (aínda con morriña de Madrid, “un pueblón castellano” segundo Guerra da Cal).
O Vicente evocou un profesor que todos os convivas —menos o Conde— sufriramos, xa convertido en personaxe de relato dos tempos idos.
Daquela, o Xaime contou un axuste de contas recente, adecuado para novas ficcións:
Seica ese profesor pediu ao concello certa licencia especial; e a comisión de concelleiros responsable de lla outorgar votou case ao total en contra.
Á hora de analizar votos, era doado observar que os contrarios á licencia non tiñan relación de partido senón co centro de estudio onde ensinara o peticionario.
A vinganza —din— é manxar que se serve frío.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*