Anguita (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/08/2001)

Dicía onte que andaba eu a gozar as ondas na Frouxeira de Valdoviño cando o mundo “global” soubo que se fora Jorge Amado. Pero a un mundo menor tamén se lle comunicaba o adeus dun home intensamente proxectado sobre a súa realidade.
Con horas de diferencia –supoño– íanse o novelista brasileiro e un galego xornalista, Diego Bernal, humanidade grande e miope, de agudísima visión sen embargo.
Como Jorge Amado, o Diego tamén me tratou cordialmente. Encontrámonos moitas veces, ata en lugares de non doado encontro. E velaí unha anécdota que define o personaxe, xa reducido a escritos e fitas de audio ou vídeo:
En tempo de preparar eleccións, un día de calor espantosa en Compostela atopámonos na rúa e puxémonos a comentar algo divertidísimo que nos pasara no Hotel City de Buenos Aires, no que se achaban don Manuel e, secretamente, o “gallego” Fernández de Cuba.
Riamos a cachón cando, de súpeto, o Diego se puxo a berrar: “¡Anguita, Anguita!”. Ollei para a beirarrúa contraria e vin o Anxo Guerreiro. Agudicei a vista, á espera de identificar “o Califa”, quizais de xira por Galicia a comprar vontades para o comunismo.
Mais o cordobés non aparecía (unha pena, porque me gustaba coñecelo), e o Guerreiro lanzouse ao sol de chumbo para vir onda nós.
O Diego –tratándoo de “Anguita”– pediulle explicacións sobre as propostas de IU para Galicia.
Ao facelo, tras do cu de vaso dos seus lentes había unha malicia anxelical, con dereito a ceo de xornalista…
En fin: tanta gloria haxa no Alén como riso aquí nos deixou.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*