Sabucedo (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/08/2001)

“O Miño leva a fama e o Sil a auga”. Ese dito pódese aplicar a moitos asuntos, e máis se vivimos gobernados polos medios de comunicación masivos.
Fama entre os curros que en Galicia hai, lévaa o de Sabucedo —ou, alomenos, o do Sabucedo que se deu a coñecer pola televisión—. Pero outros curros pagan a pena da excursión.
Velaí o de Santo Tomé do Valadouro, nas alturas que permiten ver o Xistral e o Cadramón, oníricos, plantados de xeradores eólicos; o val do Ouro dividido en cadros verdes; o Cantábrico curvo, infindo; e as costas baixas de Asturias.
Alí xúntanse as bestas para a rapa e a marca, corren con susto os poldros “alobados”, feridos polas manadas dos lobos. Pelexan os garañóns, defensores das súas greas. A xente demostra a súa cultura brava. E as vacas, tamén recollidas do monte, miran vacunamente, con ollos parvos, os outros seres da festa…
A botar discurso en Santo Tomé levoume o Xesús Pardeiro, enxeñeiro de telecomunicación e silvicultor. Xunto del atopei outro grande amigo, silvicultor e catedrático de literatura, o Ramón Reimunde.
Con eles e mais xentes simpáticas tomei aperitivo, auga da fonte e uns viños. E falamos de como aproveitar mellor as cabalerías ceibas.
Un dos máis antigos organizadores do curro de Santo Tomé contou unha curiosidade propia de territorios con cultura homoxénea, como Galicia e Portugal, onde os topónimos se repiten de Norte a Sur:
A rapa comezouse a facer no lugar de Sabucedo, alí ao lado…
“Estaba a vella morrendo e seguía aprendendo” (outro dito).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/08/2001]

Share

Deixar unha resposta