Avós Clase A (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/08/2001)

Compostela. Turistas. Vendilhões, a venderen chilindradas catedralicias, que gustaría de retratar Eça de Queiroz (perdón por citar sempre o mesmo xenio da Literatura). Pena que o autor de A relíquia non chegase a telos visto: modernísimos, cadaquén co seu móbil…
No Hostal encóntrome, fortuíta e agradablemente, con Thais de Picaza. Sentámonos á espera de Maria João de Azeredo. A empresaria da construcción cóntame que pasou de contratista a subcontratista, e que é feliz. Pide un café e prende un xaruto recendente. Fuma e fala. Os personaxes famosos nos medios de comunicación para ela son figuriñas domésticas.
Aparece a De Azeredo, empresaria —ao seu xeito— das tecnoloxías transferibles. Olla con ollos grandes as artes de fumar puros e falar da nosa conviva: Thais asegura que o mundo está composto dun cincuenta por cen de fillos de cadela, un corenta e cinco de covardes e un cinco de xente íntegra. Tamén, declárase adoratriz do Che Guevara.
Cando nos deixa, na súa parola rica non faltaran as fillas. Cando a colega Maria e eu comezamos a falar do programa Interreg, xorden os fillos de novo.
Ao rematarmos, vena bicar a súa pequena, que andaba acompañada polas avoas…
Thais e Maria João non foron as únicas empresarias con fillos que topei no Lugar Santo. Antes estivera con Zaza Ceballos, dos multimedia.
Zaza confesou estar moi agradecida ás axudas dos seus señores sogros para a crianza dos nenos.
Cualificounos como “avós Clase A”, de primeira: sen accións pero con intereses cordiais na empresa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/08/2001]

Share

Deixar unha resposta