Simpatía (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/08/2001)

Tecleo no aeroporto de Amsterdam, sacudido por unha onda de simpatía: un mozo, en galego seseante, fala polo móbil á rapariga. Dille que o vaia buscar a Lavacolla, mesmo que chegarmos á unha da mañá.
—E non penses en durmir —remata— que che veño con moitas calores.
Calores, chegando de traballar nos fríos das plataformas petrolíferas do Mar do Norte…
Escribo isto porque na miña caixa de correo electrónico atopei unha mensaxe esplendidamente escrita por alguén que non comprendeu ao completo a miña nota a voapluma do 25 de xullo, titulada Na lingua.
Por se alguén máis ficou desconcertado, insisto na intencionalidade do que transcribín: parágrafos dun políglota que negaba aos de tal condición a posibilidade de seren patriotas, e aseguraba que “na lingua reside verdadeiramente a nacionalidade”.
O autor era diplomático e, destinado nas Antillas Españolas, en Inglaterra e Francia, facía uso correcto de —alomenos— tres idiomas europeos non propios de grande proxección no mundo, alén do seu propio, tampouco falto de proxección: o portugués.
Transcribía eu nese artigo algo de A Correspondência de Fradique Mendes, escrito por un crítico acerbo da súa nación vella: Eça de Queiroz.
Di o meu comunicante que “lingua é código de comunicación cambiante, suxeito a caprichos de tiranos de baixa categoría: políticos e filólogos”. E que “nación non é só lingua, senón moitas cousas máis”.
Non lle saco a razón. Mais, á hora de ponderarmos os elementos do conxunto que fan a nación, midamos o que pesa a lingua.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*