Amablemente (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/08/2001)

Adeus Bergen. Voltamos á España nunha mañá de chuvia pertinaz. Se o verán é así nestas latitudes, ¿como será o inverno?
O avión supera as nubes. Alá embaixo fican marabillas de pontes flotantes sobre o fiorde de insondable profundidade, e túneles escavados na rocha para ocultaren a flota máis setentrional da OTAN.
Unha saudade densa do vivido acompaña a quen viu partir os navíos da Cutty Sark coas velas azoutadas por un intento de sarabia…
En xullo os nenos de Bergen levan pantalóns de pescador, con peiteira e fitas que os suxeitan ás botas de goma. Os de Ferrol, como moito, algún día de verán levan chuvasqueiro.
Pero Bergen e Ferrol teñen moito en común, malia a diferencia de latitudes (de 62 a 43 graos); e Galicia pode facer bo negocio coa Hordaland dos que ata agora só veraneaban no Sueste español con sol seguro.
En resumo: seica o producto interno bruto da Noruega é dúas veces o da España, e só ten unha novena parte de poboación. Os noruegueses son inmensamente ricos, en pesca, industria e fontes de enerxía -pero pateticamente pobres en agricultura e gandería.
A estas xentes tan altas e tan ben mantidas (do que importan, fóra o peixe seu) cómprelles vender os seus prodixios tecnolóxicos (incluídos os da piscicultura) e precisan de quen lles venda man de obra cualificada, barcos sofisticados, coches, viño, turismo rural, productos hortícolas, carne, leite, roupa…
Os noruegueses nada saben de Galicia. Nin sequera de Xelmírez, e das Torres do Oeste.
Son un pobo por conquistar, amablemente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/08/2001]

Share

Deixar unha resposta