Haakonshallen (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/08/2001)

O Haakonshallen é un edificio afortalezado sobre a marxe dereita do final de fiorde no que ía nacendo o Bergen hanseático. As fiestras góticas falan de antigüidade. Foi obra do rei Haakon Haakonsson (ou sexa: fillo doutro Haakon, que soa a palabrón).
Á porta recibe o alcalde da cidade, dignísimo, delgado, con barbas brancas e un colar de medallóns propio de catador de viños.
Foi elixido directamente como figura representativa, en canto os veciños se gobernan cun concello que á súa vez elixe xefe.
O representante desta república citadina convida os visitantes ilustres a un banquete. Na mesa presidencial vese o almirante español Manuel Díaz Mateos (que doado) á beira do colega polaco Jedrzej Czajkowski (que imposible).
Os enxeñeiros españois sentamos onde nos peta e a min cádrame ao lado do capitán dun veleiro inglés, que me fai tres favores: falar a súa lingua (xa chega de anglonoruegués), pedir consello sobre portos da Sudamérica e conversar a cerca de libros que adoro: os referentes á “acabación da Terra”.
Recomendo Buenos Aires, Río, Baía; e pérdome na Terra do Lume descrita por Lucas Bridges en Uttermost Part of the Earth, que o meu compañeiro de mesa leu e releu…
Logo dos discursos, e dos brindes a gritarmos “¡Skol!”, bótannos sesión de fogos.
Sarcástica, porque no 44 estoupou diante deste castelo unha barcaza alemana chea de municións.
O que hoxe pisamos son ruínas reconstruídas: á entrada, unha maqueta lembra esa bestialidade —unha máis daquela guerra bestial que os noruegueses non dan esquecido.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*