No Mir (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/08/2001)

Desta volta en Noruega non comín carne de reno, pero si probei xamón de ovella.
Con todo, predominaron os menús de peixe, incluso filetes renegridos de balea —ata chegarmos ás vulgaridades carnosas a bordo do Mir, veleiro ruso surto en Bergen e disposto a todo tipo de festas pagas polos asistentes…
Os rusos seica navegan de milagre, sen cartos nin para mantenza. A pé dos buques venden calquera obxecto rechamante do seu pasado soviético e a Politi norueguesa anda en alarma: as mans dos eslavos louros e tatuados son longas de máis.
No circo naval do Mir volven atacar os empresarios noruegueses. Entre vodka e vodka (é recomendable facer que se bebe e tiralos pola borda) seguimos a falar de transferencias tecnolóxicas, ollando un bosque de mastros e vergas que sobrevoan hidroavións e helicópteros.
Nos descansos de tanta tecnoloxía, un almirante noruegués informa dos desastres da ocupación alemana:
Hitler pillou Noruega nas patacas: nin munición había. O exército resistiu dous meses. Despois veu o peor, “non o medio millóns de soldados da Wermacht, que nos respectaban por sermos arios” senón uns batallóns das SS con abrigos de coiro e cans a osmaren todo.
O Führer adiantouse cinco anos aos plans da armada alemá e tivo que ocupar Noruega para ter bases de ataque sobre o Atlántico Norte.
A guerrilla aliouse cos pescadores. O mar entre a Península Escandinava e as Illas Británicas ferveu de sabotadores.
Non ficou familia sen un caído. Pero tamén houbo colaboracionistas, porque os noruegueses son humanos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*