Murmansk (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/08/2001)

Hai dous costumes nórdicos insoportables para o verán: fiestras sen persianas e camas con edredón. Así non hai español que durma cando lle amañece ás dúas e o afogan baixo tanto abrigo…
Ben durmidos, os noruegueses arman excursión de pesca con delicadezas de boca (entre elas, carne de balea). O obxectivo é manteren confinados nun espacio pequeno os homes de negocios. E conségueno: durante medio día fálase de electrónica á fartura mentres se pescan xardas e bacallaos pola costa inhóspita.
Pero tamén corren comentarios doutra guisa a bordo dun pesqueiro que —confesa o patrón— fora perseguido pola mariña rusa en tempos da guerra fría.
Rusia é un dos cocóns dos noruegueses. Nos tempos en que o pesqueiro espiaba, o conflicto fronteirizo era militar. Hoxe é enerxético: alén do Círculo Polar hai inmensidades de gas e petróleo. Os rusos métense a perforaren en augas alleas aducindo que os veciños “non saben facer mapas”.
E aínda fica o espanto da base de Murmansk, próxima á fronteira intrazable sobre a neve, onde queda un cento de buques de propulsión nuclear cos reactores vivos en canto os roe a ferruxe.
De cando en cando vai para alá un almirante noruegués en son de paz, é convidado a competir bebendo vodka co seu colega ruso e… ata a próxima.
Rusia –din— é un monstro en descomposición. Arredor desa base hai un hotel impagable para os do lugar, no que se deixan ver as mozas máis lindas e educadas.
Son decentes. Procuran un marido estranxeiro que as quite do xélido buraco onde as súas vidas se afunden.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*