Arte de vender (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/08/2001)

A tarde de Bergen ameaza con grandes toucas de brétema nos cumes, e uns artefactos chaman a atención: expendedores automáticos de paraugas. Coas primeiras pingas achéganse a eles os turistas asistentes aos fastos da regata Cutty Sark. Por 60 coroas –1.200 pesetas– levan un parauguiñas xeitoso. E calquera galego pensa logo en como non se transferiu aínda esa técnica ao Impaís ¿Non devecen os noruegueses por venderen canto inventan?
Devecen, pero só coñecen a España do sol…
Os noruegueses teiman con vender. Mais fano elegantemente. Meten convidados nun barco e vanos levando ás profundezas do fiorde onde as fervenzas caen coma melenas brancas desde alturas de vertixe.
As conversas a bordo mestúranse:
Unhas damas contan dun músico que toleaba as mulleres. Levaba consigo un frasco de sales para reanimar as que lle gustaban; e as devotas compraban como reliquia as augas sucias do baño do artista.
Enxeñeiros americanos e españois falan da competencia dos estaleiros no mundo. Ollo, velaí polacos e chineses. Os noruegueses mandan construír cascos na Polonia e ármanos aquí. Un ianqui é claro: “O día en que a China siga regras civilizadas, adeus á Corea.”
Un grupo de rapaciños toca jazz na cabina, contra o silencio esmagador das paredes verticais esculpidas polos glaciares durante miles de anos. Na tarde interminable do paralelo 62, falo co Mauro Varela.
–Dentro doutros tantos miles de anos, nada ficará disto –prevexo, retórico.
–Pero, polo momento –responde o de Ferreira de Pantón–, temos que seguir vendendo barcos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/08/2001]

Share

Deixar unha resposta