Unha nación (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/08/2001)

Amañece en Bergen con sol, e as rúas arredor do porto énchense cun formigueiro multicolor, que olla as grandiosidades dos buques de alto porte e altísimos mastros reunidos pola Cutty Sark.
A xuntanza sobre compensacións tecnolóxicas –xeradas polo contrato das fragatas que se constrúen en Ferrol– ten lugar nun hotel a pé do bulicio, pasado o mercado do peixe cos bacallaos vivos en tanques.
Mauro Varela, galego (de Ferreira de Pantón) na diáspora madrileña, puntualiza ese contrato, que el axudou a conseguir nas escuridades dun inverno escandinavo. Escoitan ao home de Izar rostros severos de militares, industriais, funcionarios e representantes da bisbarra de Hordaland que se quere irmandar con Galicia.
Mauro cédeme a palabra. Fago a cita de Castelao sobre o idioma universal dos cans, pido desculpas por non falar noruegués e polas imperfeccións do meu inglés, que ben poden apreciar os representantes da poderosísima parceira de Izar, Lokheed Martin.
Explico Galicia, Norte de Portugal, centros tecnolóxicos e redes de transferencia de tecnoloxía na eurorrexión…
A xornada de traballo esténdese cos diálogos xurdidos das preguntas dos noruegueses. Supera a xuntanza inicial, segue nun xantar e vai seguir nunha excursión polo fiorde.
De todo o falado –negocios e cultura–, unha impresión supera as demais: no documento de presentación do IGAPE aparecen as cifras da emigración galega. Logo de velas, os noruegueses insisten: “se os galegos saben tanto de si propios, Galicia non é unha rexión senón unha nación”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*