A Hansa (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/07/2001)

Interminable o día de verán en Bergen, transcorre a cea de bacallao, aquavit e cervexa, marca Hansa, nome da organización que durante catrocentos anos tivo o monopolio do comercio marítimo. Bergen é unha cidade xermanizada. O presidente da cámara de comercio recolleu documentos para os museos nos que claramente se ve como as contas eran feitas en baixo alemán. Lübeck era o centro de negocios do que Bergen dependía.
Este señor non é tan taxativo como a dama que nos acompaña á mesa, asustada pola penetración de asiáticos, africanos e sudamericanos no país dos viquingos que foron deixando a súa semente polo mundo, desde as costas norteamericanas a Constantinopla.
Bergen –asegura el– é unha cidade aberta a todas as xentes, que defende a súa identidade norueguesa nun recanto da Europa en que os conflictos culturais e lingüísticos están servidos: os escandinavos non se poñen de acordo para unificaren as súas escritas, como fixeron flamengos e holandeses. Os noruegueses non poden esquecer vellas afrontas, imposicións das falas irmás como linguas da administración.
E viven na máis pertinaz desconfianza dos alemáns, que falan idioma intelixible palabra a palabra, pero moi difícil de conxugar; e non se entenden cos finlandeses, dos cales só unha pequena porcentaxe manexa o sueco.
Admiten amigablemente os británicos –aos que imitan no falar–, condescenden cos polacos e temen –cando non desprezan– os rusos.
Aínda así, o porto de Bergen está aberto para todos eles: quizais porque todos son louros e de ollos claros.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/07/2001]

Share

Deixar unha resposta