Bakalao (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/07/2001)

Vira e revira o avión e, finalmente, atravesa un labirinto demencial de illas e linguas de mar. Desde as alturas, a xeografía de Bergen e o seu fiorde brillan en verde e prata aos ollos do viaxeiro. Despois, abaixo, a cidade hansaética que fora a maior da Noruega é unha festa de cores, de velas e mastros: os veleiros da regata Cutty Sark van entrando a porto. O Juan de Lángara mostra a bandeira azul e branca no alto…
Imos á cea de negocios, nunha casa de madeira antiquísima salvada de incendios e guerras. Á entrada recibe Enrique Lloréns, de Izar, quen compara amablemente as meteoroloxías de Ferrol e Bergen. Un músico arranxado á medieval sorpréndenos coa Muiñeira de Chantada na cornamusa.
Van chegando os convidados, o mestre de cerimonias fainos sentar á luz das velas e anuncia o menú: cinco pratos da bacallao, un deles, “bakalao” –na única versión española que aquí imaxinan: con tomate.
Cádrame á beira dunha dama de beleza nórdica pasada polos anos, con ollos verdes coma as esmeraldas que penduran das súas orellas e lle enfeitan os dedos. Ao colo leva un dobrón de prata engastado en ouro. Fala de “a pobre Noruega que non quere ser europea, sendo tan pouca cousa”; e protesta das esquerdas “que enchen o país de estranxeiros, carísimos, que rexeitan os costumes de noruegueses e queren que se lles constrúan mesquitas”.
Ariamente, renega das parellas que adoptan nenos de Oriente e Sudamérica, “polos que pagan fortunas”. Obsesionada por tal “ameaza” acusa “eses países” de “criaren nenos para vendelos”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/07/2001]

Share

Deixar unha resposta