Incidente (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/07/2001)

Nun treito da viaxe entre A Coruña e Bergen, de Madrid a Amsterdam cádrame de sentar xunto dunha señora negra coma o ébano, vestida á europea e xa é metida en anos.
Apoltornada, abandónase nunha aparente modorra, coa cara caída.
Non tarda un azafato en traer zumes nunha bandexa, a dama levanta a man ao descoido, toca de leve un vasiño, envórcao e alá vai o contido sobre a miña perneira.
Non dá a mínima desculpa, en canto o aeromozo se desfai en intentos de secar a mancha alomenos…
Fico durmido sobre Bordeos e esperto cun intenso cheiro a guiso. Abro os ollos e o azafato escarmentado diríxese á señora para preguntarlle que quere beber. Ela di “Coke”, o home sérvelle o pedido, bota ela a man e… ¡zas!, alá van a p… cocacola ao meu pantalón e o vaso ao chan.
A señora nin se inmuta mentres lle serven de novo, e eu non sei como reaccionar.
Ollo a paisaxe, como e observo que ela come, todo coa culler.
Remata e, sen lle eu preguntar, dime algo como que é a viceministra de Economía de Ghana, e que xa foi moitos anos embaixadora do seu país en Holanda. Que alá ten fillos e netos, aos que vai ver. Que non hai nada na vida coma os netos, que nos fan ilusionarnos con ela de novo, que…
Unha onda de solidariedade enche o meu peito e confésolle que tamén son avó, que verdadeiramente iso é un reverdecer da entraña, etcétera.
Chegamos a Amsterdam, axúdolle a recoller a equipaxe de man, e saímos xuntos, tan amigos, eu pensando en mandar o pantalón á tinturería.
E todo por culpa da Irene (miña neta, para quen non o saiba).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*