Orense (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/07/2001)

Repaso o DC do que onte falaba, feito polo IGAPE para presentar Galicia, e detéñome no capituliño dedicado á presencia dos galegos polo mundo.
Segundo as contas que estructura esa síntese dixital do país e do pobo sometidos ao goberno da Castela e despois da “madrasta España” (termos acusatorios dos galeguistas históricos), dos galegos que se foron, a inmensa maioría deu cos seus ósos na Arxentina –algo ben coñecido no Impaís, pero que sorprende aos nosos anfitrións nórdicos…
Nunha viaxe anterior á Noruega, o paso das horas fíxose moi pesado en Copenhague, aeroporto de enlace.
Alí observei que un grupo de españois era atendido en correcto castelán crioulo por unha señora linda, beleza escandinava na madurez, uniformada ao xeito da SAS.
Cando acabou de arranxarlles a vida aos murcianos que con ela falaban, pedinlle desculpas polo atrevemento: atrevinme a suxerir que, sendo dinamarquesa polos sinais externos, e falando dun xeito arxentino sen esaxeros porteños, fose natural de Orense, provincia de Buenos Aires.
Aquel rostro oval, canónico, alumeado por uns supremos ollos verdes, orlado de cabelo louro coma os trigos fartos da Pampa, abriuse para min no máis agradecido dos sorrisos.
Certamente, era descendente dos dinamarqueses que o poderosísimo galego don Ramón Santamarina Varela fixera colonos na terra rescatada do indio bravo a tiros de Remington: Orense, en Tres Arroyos, un mundo que fixo aflorar bágoas aos ollos da señora, roída de morriña por culpa de miña curiosidade…
Foi unha delicia de conversa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/07/2001]

Share

Deixar unha resposta