“Reman” (A voo de tecla, 29/11/2007)

Durante séculos fabricouse para que os artefactos durasen; e axudábase a iso con arranxos e reparacións. A evolución das técnicas era lenta e os aparellos tardaban moito en crear ferruxe no abandono.
Mais co paso do tempo foise acelerando a aparición de inventos que superaban os anteriores e os fabricantes decidiron pór no mercado produtos pouco durables que, logo de esgotada a súa vida útil, fosen para o lixo sen piedade. A tendencia xeneralizouse polos sectores industriais e chegouse mesmo a desbotar todos os compoñentes de sistemas que só en parte ficaban obsoletos.
Este desperdicio consumista levantou alarmas e logo as administracións comezaron a obrigar a que os produtos fosen reciclables en canto puidesen selo. Dentro desta situación, nos últimos tempos apareceu un fenómeno esperanzador: o da “reman”, abreviatura de “remanufacturing”, termo usado polos anglofalantes para indicaren refabricación.
Iniciouse na industria da maquinaria pesada e consiste e desmontar, revisar e volver montar, con compoñentes que substitúan os desgastados, sistemas duradoiros aos que se engaden os últimos avances técnicos. Volven así revivir os sistemas, cun enorme aforro de materias primas e enerxía.
O movemento da “reman” (ou “refab” para os latinofalantes) é unha sensata volta ao pasado. Vai destruír postos de traballo en liñas de produción pero vainos crear en obradoiros de reconstrución. Ha crear inestabilidades laborais mais está favor da sustentabilidade nun planeta limitado en recursos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/11/2007]

Share