DCs (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/07/2001)

<

p align=”justify”>De novo saímos para Noruega un grupo de crentes na relixión tecnolóxica que muda o mundo, facendo que a vida no Val de Bágoas se aproxime á do Paraíso soñado.
Imos a Bergen, a unhas sesións de traballo sobre o achegamento de dúas rexións europeas ben afastadas, mais con asuntos en común: a sudoccidental da Península Escandinava, con capital nesa cidade do belo fiorde, e a noroccidental da Península Ibérica, gobernada –por lei– desde a Compostela que soña o seu porto na Arousa e –de facto– desde o Porto que deu nome a Portugal.
Imos negociar con tecnoloxía, un ben que se compra e se vende, que pode chegar a ser para nós tamén o que é nos países verdadeiramente avanzados, onde a xente comercia co coñecemento práctico.
Izar promove o encontro. E leva os seus máximos responsables. Os noruegueses queren a saber a fondo de empresas, de centros de transferencia tecnolóxica, de cultura (que condiciona actitudes e determina demandas), da construcción da eurorrexión Galicia-Galiza…
Neste mundo dixitalizado mandan as memorias de disco óptico que a xente chama gratuitamente CD-ROMs ao modo inglés, cando poderiamos chamarlles DCs (discos compactos).
Comigo levo para alá un que mandou facer o IGAPE, moi completo en canto ao que se poida pedir para unha presentación de urxencia do Impaís, que sofre a sangría imparable dos seus cerebros mellor preparados para a técnica.
Mais, quizais porque resoen na miña mente os ecos do 25 de Xullo, mesmo vou crendo o que o ese DC conta en inglés perfecto: que Galicia existe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*