Na lingua (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/07/2001)

Un só debe falar con impecable seguranza e pureza a lingua da súa terra. Todas as outras débeas falar mal, orgullosamente mal, con aquel acento mazador e falso que logo denuncia o estranxeiro.
Na lingua verdadeiramente reside a nacionalidade; e quen for posuíndo con crecente perfección outros idiomas gradualmente irá sufrindo unha desnacionalización.
O políglota nunca é patriota. Con cada idioma alleo que asimila, introdúcenselle no organismo moral modos alleos de pensar e sentir. O seu patriotismo desaparece, diluído no estranxeirismo.
O esforzo continuo do individuo por se expresar, con xenuína e exacta propiedade de construcción e de acento, en idiomas estraños (isto é: o esforzo para se confundir con xentes estrañas no que elas teñen de esencialmente característico, a verba) apaga nel toda individualidade nativa.
O habilidoso que chegou a falar absolutamente ben outras linguas alén da súa perdeu toda orixinalidade de espírito, porque as súas ideas deben ter natureza incaracterística e neutra, logo de adaptadas ás linguas máis opostas en carácter e xenio.
Deben, de feito, ser como aqueles “corpos de pobre” de que tan tristemente fala o pobo, “que caben ben na roupa de toda a xente”…
O anterior, que inclúe frases finais como a de “¡Falemos nobremente mal, patrioticamente mal, as linguas dos outros!” é resumo agalegado dunha das cartas de A Correspondência de Fradique Mendes, de Eça de Queiroz, que traballou no corpo consular, viviu na Inglaterra e en Francia e morreu en 1900.
Léase e coméntese.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/07/2001]

Share

Deixar unha resposta