Vento escritor (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/07/2001)

O Rexino (que decidiu retornar dun país onde cómpre revisar os baixos do coche por se alguén colocou unha bomba con imán) faloume de cousas dos mariñeiros vellos que fixeron Peixiño, barrio de barracas na baía da Habana, en Casablanca.
Aqueles herdeiros dunha cultura desmemoriada dicían que o vento escribe no mar; aos xurelos chamábanlles escribáns porque o seu furar a auga semella escritura; e ás xardas cualificábanas de “tornos”, polas hélices de luz que marcan na ardora.
O Rexino faloume de cousas e lugares que eran meus cando el non existía nada máis que na divina vontade, ou cando era meniño e eu rapaz, sempre ávido de mar para compensar a miña nación seca, esteparia.
O galego retornado e o manchego agalegado conversamos ollando un mar en que o vento pintaba, no que pintan as sardiñas e tras delas entran os arroaces brincallóns.
Chovía. Caía chuvia de verán, balsámica, que convida á parola e ao viño agasallante, sesteiro.
É pena que os hostaleiros non dean gañado nin para gastos fixos, pero o Impaís é así: orixinal, soberano, anualmente productor de trescentas romarías de san Roque (Celso Emilio, sempre citable). E non todo ha ser praia e sol para xustificar as vacacións.
¿Saben os de “secano” do pracer de galopar nunha praia baleira? ¿Probaron os do aire sucio a limpeza do bosque recendente, lavado pola chuvia? Unha capa de auga resolve todos os problemas de quen quere gozar de maneira diferente.
E unha suxestión: a pesca de baixura como excursión, como motivo turístico.
Para ver o vento escribir.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*