Candidatos (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/07/2001)

Veñen un a un. Tatexamente, van contando a carreira que estudiaron, os intentos de traballo co título na man, a desgana de se dedicaren ao seguro: o ensino, aturaren rapaces maleducados, arboriñas tortas desde a primaria.
Queren aprender outro oficio no curso gratuíto para o que se candidatan; e algún deles estudiou algo tan afín ao que se lles vai ensinar que parece imposible o que escoitamos. ¿Como pode dicir un físico especialista en optoelectrónica que a transmisión en fibra óptica é “dixital”? ¿Como lle puideron transmitir na Facultade de Física tal erro de concepto? E, se non llo transmitiron, ¿como, logo, non llo corrixiron?
Perdoe o lector estas pedanterías, e permítame explicarlle que gracias a elas, á enxeñería que sustentan, é como podemos gozar os avances das telecomunicacións caseiras…
Ben, volvamos aos candidatos:
Estudiaron carreiras sen aplicación nunha sociedade que non quere saber da investigación básica, nin dos cálculos. Son físicos e matemáticos, e queren traballar.
Sorprende a humildade dun deles que investigaba nun centro de experimentación europeo e voltou á maldita Terra da Saudade para achar que na súa universidade non o querían, se cadra porque tiña “curriculum de máis”.
Agora vaise reciclar para enxeñeiro. E esperemos que, cando teña o novo título, non haxa de marchar.
A formación da xente nova –que obsesiona os maiores— pode servir para rebaixar a taxa de paro en Galicia, sinxelamente por eliminación –migratoria— dos parados.
Irán pagar a pensión de vellos alleos. Non a nosa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*