Repremio (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/07/2001)

Onte falaba do Tucho Calvo desde esta columna, e hoxe teño que falar del novamente, polo concurso que puxo en andamento con éxito claro.
Hai meses convidoume a participar na idea: un premio de narración por entregas. Declinei o convite porque non vallo para axustes de tamaño (por iso impoño nas aulas un texto con capítulos medidos que me permita o luxo das ramificacións no encerado).
Paréceme un exercicio máis que meritorio, o do folletín. E unha magnífica idea, a da literatura popularizada desde un xornal…
Volveu o Tucho convidarme, desta vez á festa do premio; pero o corpo non deu para tanto: actuaba no Meirás ferrolterrán a Cristina Pato e, sendo a súa cantante a miña nora, Laura Amado, houbo comes e bebes, e cantarelas, na casa dos pais, en Valdoviño.
Á hora de que o Ponte Far, secretario do xurado, desvelase en Santiago os nomes ocultos tras das plicas, eu durmía.
Despois, a radio deume a información: gañara unha narración de intriga, con autora que asoballa na súa carreira polos premios.
De novo alégrome de que a Marilar Ximénez (vindico ese apelido lindo) Aleixandre dese mostras de talento e teimosía; e con ela me solidarizo, como inmigrante ao Impaís.
Cólleme a nova mentres leo con fruición Historias ocultas en la Recoleta, de María Rosa Lojo, outra muller talentosa e teimuda, que a emigración galega lle regalou á literatura arxentina.
En fin: exemplo dean as donas a tanto varón prepotente e baleiro. Veñan tras delas rapazas ensinadas, a contaren o que as avoas calaron, século a século.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*