Á estatística (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/07/2001)

Unha anécdota fea cruza polo meu expediente académico na Escola de Telecomunicación. Aprobei as Matemáticas de terceiro curso malamente: recibín en Cálculo 9,2 e só 3,1 en Estatística. Non compensaba unha nota con outra (o mínimo aceptable era un 4) pero fíxoseme o favor.
A culpa do desastre —obxectiva e estatisticamente— foi do profesor de Estatística, quen sería separado de docencia logo dunha folga de estudiantes aos que lles acontecera o meu caso, repetido ata que a “mostra” case coincidía co “universo”.
Mais, con todo, a profesión ensinoume que aquelas fórmulas noxentas dun profesor pouco afortunado na expresión (probablemente, sen embargo, bo coñecedor da materia) tiñan aplicacións moi prácticas, por veces fascinantemente acertadas.
Tal é a das prediccións de voto final sobre as primeiras mostras tomadas das urnas; e non falemos do referente aos controis de calidade por mostraxe nos sistemas de producción…
Digo todo isto porque hai uns días recibimos no Centro de Innovación e Servicios a visita duns profesores que me fixeron un agasallo: Á estatística ¡en caricaturas!, traducción do famoso The Cartoon Guide to Statistics de Gonick e Smith.
O libro, arquicoidado no aspecto lingüístico, converteuse xa para min nun elemento de compañía, como se fose unha novela.
Con el, a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións —responsable da edición— vén demostrar que o galego é útil sempre que o acompañen os contidos:
Lección que non aprenden certos narradores do Impaís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/07/2001]

Share

Deixar unha resposta