Autopsias (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/07/2001)

Recibín a visita dun amigo ao que nos últimos tempos só vía na televisión: Xoán Caamaño, enxeñeiro metido a político para retornar á xestión de cousas tan técnicas coma as relacionadas coa enerxía.
Falamos dabondo, xunto con outros homes preocupados polo medio ambiente, a captación de fontes enerxéticas e a súa adaptación ás necesidades da poboación.
Interesoume especialmente o relativo á predicción, aos modelos matemáticos sobre a fiabilidade do subministro enerxético. Aínda que pareza curioso, as matemáticas, a estatística e os ordenadores, serven para albiscar o futuro.
Ao Xoán seica lle gustou un traballo feito para os edafólogos: a síntese de imaxe duns montes con turbeiras nos que se vai instalar unha ringleira de xeradores eólicos.
De novo ordenadores e programadores conseguiron a ilusión do que vai acontecer, do tratamento coidadoso que se lle vai dar a un recanto da Galicia verde para que sufra o mínimo co progreso.
Caamaño recomendou máximo respecto á Natureza, e deixounos abraiados cunha nova que demostra a onde chegou a civilización por estes pagos: seica se lles fai a autopsia aos paxaros que aparecen mortos arredor dos parques eólicos…
Manda truco, señores, porque cando eu comecei a traballar xa morrían paxaros doutra maneira e mais ninguén se preocupaba: quedaban asados pola radiación das antenas de gran potencia, como lles pasa aos polos no forno de microondas.
E seguen a morrer por tal motivo. Pero os ecoloxistas deben ver mellor as aspas dos muíños que as ondas electromagnéticas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*