Hombre (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/07/2001)

Por orde de idade e goberno (alén de dignidades, malas de medir) diríxome a don Manuel Fraga, don Xosé Manuel Beiras e don Emilio Pérez Touriño, políticos e, non obstante, profesores, para lles expor un caso digno de consideración.
Recentemente escoitei unha conversa entre rapazas sobre apelidos. Mostraban a súa satisfacción pola lei que permite recolocar os nomes de familia. Dúas delas —explicaron— eran irmás, e padeceran toda a vida polo seu primeiro, “bueno para papá pero un desastre para nosotras”.
Estas galegas —universitarias— apelídanse Hombre, o cal, pensado na lingua do Imperio, resulta impropio para quen mostra redondeces e branduras cobizadas polos varóns…
Unha vez máis, señorías, petamos contra a ignorancia xeral dos galegos, seres sen consciencia colectiva.
Revisen vostedes cantos afiliados aos seus respectivos partidos mostran nos sobrenomes familiares a grosería da castelanización forzada (que o negro discurseiro ao servicio do xefe do Estado seica considera quimérica). E mediten sobre o fracaso do sistema escolar galego:
Ombre é un lindo topónimo, correspondente a un lugar que don Manuel e eu coñecemos moi ben, á beira do Eume. Se cadra ten que ver co étimo latino umbra, con lugares sombrizos do verde Impaís.
Pero ninguén lles explicou a esas familias de tan peculiar nome que o seu (como Bello, ou Basalo, ou Viéitez, ou…) está mal escrito (como estragados están Villanueva, Otero, Giadanes…)
En fin, profesores, purificados os topónimos, ¿por que deixar os apelidos a monte?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*