A modo (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/07/2001)

Entre leiros de millo vizoso e prados, cara aos bosque dos paxaros e os esquíos suamos xinete e besta, eu e a Aixa, a trote longo. No silencio rural de Arteixo vénme á memoria unha xornada recente en Valdoviño.
Na casa do meu consogro Roberto Amado, filantrópico fomentador do fútbol, xuntámonos para darmos conta dunhas sardiñas, axudadas con molete e agudello de Betanzos (que demostra como se pode facer viño bo en terras de dubidosa sona).
Por alí andaba a nosa común neta, a Irene, quen, alén de roer en calquera cousa (mesmo cebola crúa), xoga a canto se poida imaxinar. Ata ao fútbol.
De feito, a cativa zóscalle uns punteirazos certeiros ao balón. É destra. Afírmase no pé esquerdo e… ¡zas!
Isto deu lugar a que o Roberto fixese chanzas de compadre, sabida a miña pública postura contra o deporte que parece encher a vida de todos.
E a reiterarme no que sinto e penso: todo deporte é algo infantil, aloucado; que só se xustifica polo gozo do exercicio físico e porque canaliza a necesidade persoal ou tribal de competir e loitar. O fútbol que os mariños ingleses introduciron por Vilagarcía e Ferrol era iso.
Pero non é iso unha industria que move trece mil millóns de pesetas no traspaso dun xogador, e que podería colapsar a metade das cadeas de televisión de España por falta de publicidade…
En Sequeiro, ao saír de Valdoviño, nunha recta pola que se embalan os conductores hai un mesón de nome perfecto: Vaite Amodo.
Mentres as cousas do fútbol non se fagan a modo, eu sempre protestarei.
Aínda que for para nada.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*