Motín (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/07/2001)

Logo de superar en Buenos Aires a barreira de empregados de Aerolíneas Argentinas, que, mentres oraban pola empresa, entorpecían o acceso aos mostradores de Iberia, cheguei a Madrid nun Airbus cheo de detalles tecnolóxicos que superan con moito a concepción dos jumbos de Boeing.
E en Madrid comezou o calvario: Iberia fixo catro cambios de porta de embarque cara á Coruña, ata que os pasaxeiros se “amotinaron”. Logo dos berros, deixáronnos saír con tres horas de atraso e leváronnos coma un rabaño a un avión alá “donde Judas perdió el poncho”…
Pero tanta espera deume para varios encontros. O principal deles coa Carme Patiño e o seu marido, Anxo Viña, dúas persoas vencelladas a unha idea de Impaís reconvertible en país gracias á Telemática. En canto coidabamos dos seus pequenos (dúas picariñas coa cara chea de ollos e un meniño que parece un vellote pelacho), despachamos negocios: de bolseiros, de curso intensivo de redes, e da grande noticia que se produciu mentres eu andaba a falar do verdadeiro comercio electrónico nas universidades Católica e Belgrano de Buenos Aires.
Imos ter segundo ciclo de Telecomunicacións na Coruña.
Espero que esta Galicia que me recibe con brétemas, cheiro a incendios e novas de perda de poboación, saiba aproveitar os fluxos de coñecemento avanzado que se producen nun centro de formación dese teor e cariz.
De nada serve que formemos xente se a súa carreira profesional ten como metas Madrid e Barcelona.
Cómpre formarmos empresarios dun sector “ubicuo”.
Que teñan fillos aquí.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*