Aerolíneas (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/07/2001)

Mañá de adeus con sol e 3 graos de temperatura. Por Florida seguen, patrióticas, as bandeiras branco-azuis; e os cánticos contra España e a SEPI. “Todos somos Aerolíneas”, pregoan os letreiros.
Pero hai recantos de paz. Un deles é a universidade de Belgrano. Desde as alturas do rectorado, no cume da torre, vense Buenos Aires e o río marrón, abretemado.
Tras dunha longa conversa sobre o comercio electrónico, voume despedir de Xosé Manuel Castelao.
Anda preocupado o presidente de todos os españois no exterior. Di que o goberno de Aznar ten que pór couto e fin ao desastre de Aerolíneas Argentinas. Se cadra, houbo negociata entre o Ménem e o González, mais velaí a realidade terca: “España xa fundiu a liña de bandeira de Venezuela e agora vai fundir a da Arxentina”.
Os ianquis deben andar felices: fracasada a ofensiva comercial de España no Leste europeo, só nos fica seguirmos a pisarlles os calos ao Tío Sam no países da nosa mestizaxe. E cada tropezón español é un avance para os gringos prepotentes…
Cae o sol sobre a autoestrada do aeroporto. Policías con chaleco antibala e escopeta de repetición controlan os accesos a Ezeiza. Os jumbos de Aerolíneas miran quietos os hangares.
Na nova terminal unha bandeira arxentina, xigantesca, acortina os pupitres de Iberia. Sobre ela, un letreiro: “Oramos por Aerolíneas”.
Un pastor evanxélico convida a orar pola empresa e os empregados. Pide un milagre de solidariedade.
Castelao sabe o prezo do milagre: mil millóns de dólares para evitar a quebra.
Rato seica tamén o sabe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*