Riesgo país (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/07/2001)

Seguen as conversas no Instituto Nacional de Tecnología Industrial, sobre técnicas de deseño de productos. El París del Plata ten de todo, pero os porteños especialistas nalgo vanse. Agora a Alemaña é un bo destino…
Andei pola cidade coa miña señora sogra. Vimos un filme francés que desde aquí recomendo ao Xabier do Campo: O gusto dos outros.
Con ela tamén me perdín nunha visita ao Ateneo, librería imprescindible, agora adornada con “cafetín” de lectores e discutidores.
Buenos Aires, exquisito, está infinitamente lonxe do país, pero o campo limpo axexa alén dos suburbios e, por veces, a copla penetra: “Yo ensillaba mi caballo / y ella se puso a llorar./ Entonces, sin decir nada, / me puse a desensillar”…
En cada esquina do barrio burgués hai unha “casilla con negros”. Son os custodios a completaren o labor dos policías.
Reúnense os veciños custodiados. Hai medo nos rostros. Os “negros” pertencen a unha empresa trucha, que cobra en negro e paga pouco. Calquera día, os protectores convértense en asaltantes.
Na xuntanza decídese seguir a pagar. Sen esquecer os 200 pesos para o comisario. Onírico, señores. A Arxentina comezará a funcionar tras unha folga xeral contra a coima.
Iso é o que se conversa á cea, con viño malbec patagónico e gozoso. Tamén se fala das provincias, que non poden pagar tanto deputado provincial.
Á sobremesa entramos no “riesgo país”, un invento ianqui, algorítmico, que determina a garantía dos investimentos no estranxeiro.
Esta república sen guía e sen moeda, dolarizada, é a raíña do risco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*