Literatura no ciberespazo (A voo de tecla, 04/11/2007)

En 1976 un escritor galego de profesión técnica fixo público que redactaba con axuda de ordenador. Outro colega literario, con formación en Letras, retrucou cunha crítica sobre “novelas cibernéticas”: entendera que os ordenadores podían ser programados para faceren Literatura.
Sen embargo, vinte anos despois os dous coincidían en loaren o invento que máis contribuíu a modificar as relacións humanas logo do telégrafo: a “world wide web”, arañeira universal que permitiu construír un ciberespazo e navegar por el hiperligando, saltando de sitio a sitio, de páxina virtual a páxina virtual. Ambos confluíran nunha idea innegable no 2007: só “existe” o que se atopa polo ciberespazo…
O recente encontro de Galeusca valeu, como todos os congresos, para falar do programado e do que non entraba no programa. Non programada foi unha conversa sobre a presenza da Literatura Galega na “web”, na que participou o presidente da AELG, técnico de profesión e poeta de vocación.
Nela ficou clara unha aposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: mostrar no ciberespazo datos e metadatos sobre obras e autores de expresión galega. Os herdeiros das glorias medievais e do compromiso do Rexurdimento débense ao país que lles dá a substancia literaria, pero tamén ao mundo, porque que a Literatura está por cima das linguas.
O mundo debe saber que existen, merece descubrir o corpus literario que están a construír. E para iso non hai nada coma os bits a viaxaren pola rede das redes que sustenta a “web”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/11/2007]

Share