O caudillo (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/07/2001)

Onte fiquei durmido con La princesa federal, de María Rosa Lojo. A autora galaicoarxentina preséntanos a Manuelita Rosas, filla do tirano, no exilio de Londres, a reflexionar sobre o seu país roto por loitas intestinas, acosado por potencias europeas e tribos patagónicas.
Hoxe estiven no Instituto Nacional de Tecnología Industrial. Teoricamente, a Arxentina segue pautas de transferencia de tecnoloxía como as españolas. Practicamente, non. A Arxentina no Mercosur pouco pode fronte ao monstro industrial brasileiro en canto España é país competidor na UE…
Adolfo Lozano (outro galaicoarxentino) convídame a dar parola nos cursos de cultura galega da universidade de Belgrano, que rexe (galegoarxentinamente) Avelino Porto.
Despois convídame a un substancial “bife de chorizo con puré de papas”.
Adolfo, sempre entre España e Arxentina, asevera:
-Este país está fundido. Anda só por inercia.
E pasamos a falar doutros amores.
Primeiro, a hipótese de Donaldo Schüller, expresada na universidade de Corrientes: castelán e portugués, apoiados mutuamente, deben reconstruír na Iberoamérica o mundo cultural multilingüe da Iberia medieval.
Bendita candidez a do traductor brasileiro…
As rúas frías de Buenos Aires aínda acollen visións de Cuba. Lozano veu fascinado pola Habana, que “xustifica a illa toda”. O seu centro galego é o Templo Maior da Galeguidade.
De retirada, a radio do coche di que “ El Turco está en cana (na cadea) pero De la Rúa es un manso”.
Sebastianistas, os arxentinos sempre esperan polo caudillo salvador.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/07/2001]

Share

Deixar unha resposta