No Ita Vero (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/07/2001)

Con lembranza subtropical de laranxeiras, palmeiras e anchísimo río soleado, o Paraná, conduzo cara a la Mar Dulce, o incomensurable Río da Prata que se alimenta do Paraná e do Uruguai.
Club Náutico Sudeste. O ceo baixo, gris de cinza, esmaga e agrisalla as augas castañas que hoxe camiñan para atrás, forzadas polo mar salgado. Enche a marea do Atlántico e cede o río.
Cinzas. Desde o Ita Vero lanzáronse á auga as do seu parón, meu sogro e amigo. Subo a bordo e fico paralizado, detido en momentos de bonanza e de ondas bravas con vento pampeiro.
De popa a proa resoa a voz de quen construíu e comandou o trimarán do seu orgullo. Á súa memoria bebo un cabernet de Mendoza e déixome embalar polo funguido do vento nos estais. ¡Ai Buenos Aires visto desde o río-mar! ¡Oh desmesurada poboación, mai nutricia dunha Europa no exilio das fames!
Isto vai mal. A violencia leva a unha rara conversa con té e pastiñas. Hai novo método de roubar: o xornal publica anuncio guloso, “Vendo tal ou cal. Urxente. Tanto. En metálico”. Vai alá o cobizoso e os ladróns sácanlle os cartos e amordázano a punta de pistola…
País de “chorros” pero tamén de enxeñosos. Un tripulante do Ita Vero mostra a nova pel con que fai moda. A do salmón. Tocámola e non damos crido o prodixio de piscifactoría.
E retornamos a porto cun frío invernal, de xullo. A falarmos de galegos, chegamos a saber que a modista de pel que aquí marca pautas, Chiche Farrace, se chama de verdade Concepción Ameijeiras:
Unha máis no mundo en que o Quino puxo o gayego Manolito.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/07/2001]

Share

Deixar unha resposta