O guaraní (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/07/2001)

Nos arredores de Corrientes abondan os postos de laranxas, fillas do inverno aprimaverado do Litoral. O vendedor, muller ou home, é de pel escura e ollo riscado, “chino” que, se cadra, nacería falando guaraní…
En todo o desenvolvemento das xornadas de Literatura (ou Lixeratura) e Comunicación da Universidad del Nacional del Nordeste a lingua maior destas Américas, xustificación dun romance histórico brasileiro, O guaraní, só é vaga referencia. Na mesa redonda de “Fronteras Culturales” chegamos a coñecer que se ensina en aldeas de Misiones, de Corrientes ou do Chaco, pero con vergoña de que aínda haxa xente que fale así cando Borges pensaba en inglés e Cortázar soñaba en francés.
María Rosa Lojo (quen sabe que o seu apelido se debe pronunciar con xota, “Loxo”) carga a man sen receos. Ri da teima arxentina por ocultar a indiaxe, por negar a condición mestiza dos gauchos facedores da patria. E remata cunha selección de “zonceras” (parvadas) sobre a Arxentina Branca.
Logo da novelista galego-porteña, fala a poeta e crítica Graciela Maturo (“con tres avoas italianas e unha crioula”) para defender “a cultura mestiza fronte á globalización”…
As xornadas inclúen a lectura de obra propia; e van concluír nun acto de confraternización, en que o rector Adolfo Torres pide aos relatores que aplaudan a actitude dos asistentes, o que facemos con gusto.
Despois virá o adeus demorado, a remoermos impresións maiores. Para min, a mansa soberbia do Paraná e a pronuncia do elle –antiarxentino– dos correntinos diferentes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/07/2001]

Share

Deixar unha resposta