Lixeratura (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/07/2001)

Rotosa a cidade de Corrientes, arruinado o goberno provincial, o río Paraná segue marrón e impasible, sucado polos barcos e as lanchas. Os paseos entre sesións de mesa redonda e respostas ao público lévannos ata a a súa beira, á Costanera, arrastrando o eterno lamento: tan grandioso país non dá funcionado…
Nada máis belo có encontro entre mentes; nin máis eficaz có contraste de ideas e o relato de experiencias de vivir con que pasamos as xornadas.
Na mañá da segunda correspóndeme abrir sesión, na mesa de traducción. Agradezo a presencia dos madrugadores e falo dos perigos das versións de autor entre linguas próximas de impaís diglósico.
María Luíza de Alba, con toda a gracia do Brasil, insiste: “Tradução é como mulher nova. Quando é bela não é fiel e quando é fiel não é bela”. E a profesora De Alba sabe o que di.
Outro brasileiro xenial, o profesor Donaldo Schüller, esténdese sobre a recreación. Advirte que a creación literaria é de principio traducción entre realidades; e conta os seus atrevementos na versión de James Joyce ao portugués.
Un deles é rotundo, perfecto:
Joyce revélase contra a Literature chamándolle Litterature, con dous tes. Tendo en conta que litter é un xeito de dicir lixo, Schüller converte e palabra despectiva en Lixeratura.
Gustavo Sánchez Mariño chama a traducción “gozosa arte de perder”, e explica a situación do guaraní na Arxentina: tentouse facer parecer que non existía. Os pais néganllelo aos fillos. “Morre xeración a xeración”:
A diglosia mata en calquera parte do mundo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/07/2001]

Share

Deixar unha resposta