Ao exilio pola fe, un texto escrito para O gavieiro da cultura, do Colegio gallego-argentino Santiago Apóstol

Ao exilio pola fe

«Tense dito e repetido que Galicia non se pode entender sen a Arxentina, país no que Galicia se baleirou durante século e medio. Os amantes curiosos do grande país sudamericano acumulamos nas nosas memorias un mundo de relatos demostrativos desa idea; e, con ela por guía, seguimos a cavar na mina sen fondo de vida galega que se espallou, terra adentro, desde as beiras baixas do Río da Prata.
Non vou contar agora os porqués da miña relación íntima coa Arxentina, coñecida por moitos; nin escribir unha vez máis que vivo no continuo agradecemento a cantos me abriron os brazos desde La Quiaca a Ushuaia. Eles introducíronme mesmo en lugares que poucos arxentinos pisaran pois o país é grande de máis para coñecelo todo. Uns foron galegos; outros, fillos de galegos; moitos, arxentinos alleos a Galicia pero cariñosos para o ser peculiar dos “gallegos de veras”.
Deixei libros escritos sobre terras e xentes queridas nese alén-mar que sempre vén comigo malia estar lonxe. Foron libros de aventuras e viaxes. Pasan por eles personaxes da emigración, mulleres e homes que abandonaran a Galicia da saudade, do sentimento da propia ausencia na Terra inesquecible. Fóronse dela -e sufriron- á procura de progreso persoal, ou porque a represión das súas ideas políticas os levaba a un mundo libre.
Nunca, sen embargo, pasara pola miña cabeza a idea de tratar dos emigrados por causa da relixión. Ata que fun requirido para contar unha historia longa, unha visión da España contemporánea con ollos de protestante galego.
Anciáns evanxélicos, mentes lúcidas entre as que salienta a de don Manuel Molares Porto, querían que eu relatase o que a eles, que o viviran, mesmo lles custaba crer.
Convencido do deber de escribanía que temos os narradores, comecei a escoitar testemuños e facer notas no verán de 1999; e xa ao pouco aparecía no caderno a palabra “Arxentina”, que iría tomando forza ao longo de case trescentas páxinas a man, despois transcritas a esquemas e textos dunha triloxía de novelas.
A Arxentina converteríase en obsesión do personaxe principal do relato, ficción a xeito de autobiografía. Marchar para alá sería teima no seu cavilar de “disidente”. A cada golpe do nacional-catolicismo contra el, logo o asaltaría a tentación de fuxir cara a unha república de relixión libre.
Mediado 2005, o pastor Samuel Pérez Millos deume en Vigo unha alerta importante: vivos e activos andaban polo Gran Buenos Aires un feixe de vellos crentes evanxélicos que me podían contar a epopea das súas emigracións, ou -máis claramente- dos seus exilios relixiosos.
En abril de 2006, o productor de audiovisuais Anxo Fernández preparou unha viaxe ao encontro das persoas que listara don Samuel. Tratábase de recollermos datos para o meu texto e para Á procura da luz, o seu proxecto de documental xa a tomar forma.
Cando chegamos estaba fresco e lindo o outono austral. Apuradamente apertei familia e amigos e axiña iniciabamos os encontros con caderno e cámaras. O Anxo gravou declaracións que inducen ás bagoas doadamente…
Ben. Non saben os galegos de aquén e de alén canto lles vale a Arxentina, canto do seu ser de pobo se ergue sobre o solo xeneroso da nación que deu acubillo a unha nación sen historia propia. Historiadores e xornalistas teñen un universo por indagar. E cómpre traballar niso porque a idade deteriora as memorias e a morte dá cabo delas.
Eu agradezo aos evanxélicos de Galicia a materia literaria que se convertería en máis de mil duascentas páxinas de libro. E non sei como pagar a que me deron os das “iglesias de gallegos” que me acolleron en Buenos Aires.
Para compensar esa acollida cordial, valla un treitiño de novela, reflexo mínimo do seu silencioso drama de transterrados por fidelidade ao Evanxeo sen xerarquías nin ouropeis. Sirva tamén para que o resto da colectividade galega da Arxentina ate cabos, engada aventuras e desventuras ao coñecemento común.
O treito pertence a Unha falsa luz, terceiro volume da triloxía Evanxélica memoria. Nel o Manuel Valeriano, protagonista e autobiógrafo, relata un encontro con don José Cardona, o evanxélico -xurista profesional- que máis fixo por conseguir a lei de liberdade relixiosa de 1967 (na que, por certo, tivo fundamental intervención positiva un ministro galego: don Manuel Fraga Iribarne).
Nese encontro, no verán de 1965 e na quietude do mosteiro de Monfero, aparece unha carta co testemuño dun galego fuxido á Arxentina por causa da súa crenza.
Cómpre advertir que o relato novelado non é exactamente o que me foi feito; mais o que se conta -con toda a carga de veracidade espontánea que ten- corresponde á realidade. A modestia dos crentes evanxélicos, e a súa vontade de perdoaren a quen os torturaron de mil maneiras, obrigoume a disimular.
Espero que este avance da novela, pronta a saír do prelo cando escribo (a fins de outubro do 2007), ilustre o dito ao principio das notas que fun convidado a facer para a revista do Instituto Santiago Apóstol.
Desde a Coruña e cunha grande aperta para os lectores arxentinos, velaí o treito anunciado…»

Share

2 Comments

  1. Eu, meu querido Xavier, disto de comentarios moito no che manyo pero quéroche dicir algo que ocorre en min cando leo ou oio cousas como as que ti dis da Arxentina, miña patria paralela. Pese a quen quixer converter aquel país nun cárcere de ideas, sempre calquera coma ti pode dicir o que por aquilo sente e expresalo nun libro que reflicta unha verdade que, se cadra, ficou oculta por non ter quen a pregoase. Felicítote polo que no escrito máis arriba referes. Eu estou nesta beira do lago salgado que ten por cercos ideais a Galiza e mais Arxentina. Vou ir para aló primeiro temporalmente e logo de forma definitriva. Que volcar nun poemario, que xa levo preparado, con toda pena que me causou encontrar a Matria que atopei cando, con toda ilusión, voltei ao encontro da súa aperta…

  2. Somos moitos a vivirmos co corazón dividido, unha parte en Galicia e outra na Arxentina. Entre eles cóntanse uns galegos dos que nunca se falaba: os evanxélicos, que Galicia -por ser parte de España- expulsou.
    Disidentes e desafectos, coma o teu pai e ti pero por causa relixiosa, sospeitosos de republicanismo pois a República lles dera liberdade de culto, foron buscar pan e acougo na terra dos teus netos.
    Cando alá esteas, lémbrate deste inmigrante á Galicia con tantos intereses de amor desde o Altiplano á Terra do Lume. E vai á procura de vellas lembranzas ata reatopares os que contigo fixeron vida galega desde a crenza que marca a Reforma fracasada en España.
    Que sexas feliz na nosa Arxentina. E, cando retornares, avisa.

Comments are closed.