A censura (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/07/2001)

Case primaveral, transcorre a mañá fóra da Escuela-Hogar Teniente General Juan Domingo Perón de Corrientes. Dentro, as horas pasan calidamente. Cincocentas persoas escoitan os intervenientes nas xornadas de Literatura y Comunicación a través de sus creadores, escriben preguntas e, logo das mesas redondas, reciben respostas. Nesta terra guaraní, de rostros mestizos, hai fame de saber. E prodúcese a “redistribución do coñecemento” que reclama o rector Adolfo Torres.
Na mesa da censura aprendemos todos que en Cuba os escritores teñen dereito a correo electrónico pero non a navegaren pola web. Dio, con valentía, o novelista Amir Valle, quen provoca unha pregunta: ¿non haberá entre nós ningún informante do sistema castrista?
Víctor Redondo, presidente da Sociedad de Escritores y Escritoras de la Argentina, incita á hilaridade ao ler un documento dos censores franquistas sobre o publicable nos xornais españois en caso de que morrese Ortega y Gasset
Belo xantar: surubí (peixe tan enorme coma o río Paraná en que vive) e mandioca regada con aceite de oliva da república que dá todo, mesmo espléndidos viños cabernet-sauvignon. Conversa intelixente e diversa, con María Rosa Lojo, consciente da súa galeguidade, escritora no cume da sona, con obra que se disputan Planeta e Alfaguara.
Óscar, seu marido enxeñeiro e pescador, elabora viños. Todo redondo. Acompáñanos outro dos personaxes desta galería correntina: Antonio Cáceres, poeta sevillano, gañador do premio Esquío do 99, amigo dun amigo: Fernando Bores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*