Folguerá (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/07/2001)

O río Paraná mostra o seu desaforo na grande curva de Corrientes. Lento e terroso, precisa dunha ponte de quilómetro e medio para ser atravesado polo máis estreito. Da outra banda está Resistencia, e a Universidad Nacional del Nordeste divide o seu campus entre as dúas cidades.
Estamos en territorio guaraní dunha Arxentina que nega a existencia de aborixes. Corrientes ten unha personalidade fortísima, unha identidade que frades franciscanos axudaron a forxar (antes dos xesuítas) sobre a fala maior do Leste da Sudamérica.
Con viño de Mendoza, logo xorde o correntinismo: “Si Argentina fuese a la guerra, Corrientes ayudaría”.
Por Corrientes pasou o exército paraguaio que ía iniciar unha das guerras máis mortíferas da historia iberoamericana.
Juan José Folguerá, correntino, conta que nela a Arxentina e o Brasil deixaron o Paraguai sen homes de entre quince e setenta anos; e que o anaco de país que ficou repoboouse por vontade das mulleres, que fixeron varóns aos cativos salvos da chacina…
Folguerá é a miña primeira sorpresa nas xornadas de Literatura y Comunicación a través de sus creadores: neto de labregos valencianos traídos por Blasco Ibáñez nos seus soños colonizadores, fala castelán, catalán e galego. O seu padriño de vodas foi o galeguista Ramón de Valenzuela. Casou cunha sefardí, neta dun xudeu de Marrocos tan respectado en Corrientes que, cando morreu, as campás da catedral tanxeron a defunto.
Nesta orxía literaria, Folguerá, poeta e traductor, vai ser o meu par na defensa do galaico-portugués.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*