Bifes (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/07/2001)

Incriblemente, chegamos ao aeroporto de Ezeiza, logo de termos asistido a unha rara cerimonia de idas e voltas, con avión que se desviaba para São Paulo mais que, gracias a Pacha Mama, a Mai Natureza, enfiou as pistas da pampa na que xorde Buenos Aires.
No aeroporto internacional da capital as ringleiras de ingresantes divídense en arxentinos e “turistas” (como se a xente de negocios e traballo viñese de paseo) e os funcionarios teclean lentamente nomes e apelidos dos que presentan o pasaporte …
Accedemos por fin a un país axeonllado diante da crise eterna, entregado aos caprichos do fútbol que deixan o visitante boquiaberto: para un partido do Boca hai entradas “truchas” (falsas) de ata 800 pesos (unhas 160.000 pesetas).
O taxista legal (no aeroporto todo son anuncios contra os taxistas truchos e asaltadores) comenta que De la Rúa parece estar enfermo, “quizá de cagazo” porque a crise é tamaña. No país dos recursos infinitos, dos millóns incontables de vacas e ovellas, o pobo pasa fame e protesta.
O inverno sobre a pampa húmida parece unha primavera clorofílica, esplendidamente verde, á que molestan as construccións con todos os seus feísmos. E seguimos. O taxista di que algún día se ha de pedir aquí unha xustiza coma a de España, ou coma a de Italia. Algún día “los muchachos” se decatarán de que cómpre deixar de roubar.
A miña señora sogra espérame cuns bifes de solombo que, unha vez máis, proclaman do dereito da Arxentina a que se lle perdoe todo.
¡Viva a Arxentina!
E seguimos, cara a Corrientes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*