Urinarios (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/07/2001)

Para quen cruzou o “charco” moitas veces, a emoción de voar doce horas seguidas non paga a pena dunha crónica, salvo en ocasións.
Nesta, todo parecía encaixar no negrume entre Madrid e Buenos Aires; ata que unha voz interrompeu o sono dos pasaxeiros: anunciaba que o aeroporto de Ezeiza estaba “baixo mínimos” e o comandante decidira aterrar e repostar no Galeão carioca.
A seguir veu o susto: xa tocaba terra a inmensidade do jumbo, viamos de preto o lucerío dos morros de Río e, de súpeto, atroaron as turbinas, os indicadores de altura e velocidade marcaban o camiño do ceo.
Aterraxe abortada in extremis e volta a aterrar sobre a nocturna beleza de Guanabara e Niterói.
Tres horas sobre a pista de Rio. Quietos os pasaxeiros, adurmiñados, entregados á lectura. Oíanse lamentos dos que perdían as conexións. Chegado un momento, o que correspondía a aterrarmos en Ezeiza, tentamos avisar a quen nos espera usando as telecomunicacións: metemos o cartón de crédito no terminal de teléfono vía satélite e só chegamos a oír un papagaio feminino a repetir “está en cola”.
Maldicimos o invento (10 dólares o minuto, se funciona) e a nosa desesperación aumenta, porque a Arxentina cambiou de hora e, ás do atraso, cómpre engadir unha máis.
Con todo, agradecemos que o avión retome o voo cos depósitos cheos. Na miña man cae un exemplar reseso do ABC. Grande nova: a conselleira andaluza de Cultura inaugurou na Alhambra uns “ambiciosos urinarios”.
O humor volve a min, cunha pregunta: ¿faríanlle a foto política en uso do servicio?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/07/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*