Polonia (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/06/2001)

Acaba o mes máis lindo sobre o paralelo 43 norte, e cara a latitudes austrais acompáñame a saudade de días luminosos nas terras en que fago vida, onde se produce de todo.
Díxome o Xosé Manuel Silva que unha variedade de oliveira importante en Portugal chámase “a galega”, porque viría de Galicia, lugar de cruce de climas e especies…
Díxomo á vista da oliveira da entrada ao club financeiro coruñés, onde fomos agasallados cunha cea ao final da súa conferencia, xa comentada nestas liñas.
Da cea, que ata agora mesmo era intrahistoria, quixera salientar que o Silva formou dúo de intelixente categoría co González Laxe. Quen os acompañamos podemos dar fe dos nomes que entre eles manexaron: Marín, Solbes, Bush, Fraga, Prodi, Aznar, Berlusconi, Morán, Chirac, Putin, Schröder, Blair
Xosé Manuel e Fernando foran actores do ingreso de España no Mercado Común e saben de como se foi concretando o imposible: unha unidade con moeda propia pero non para todos os membros, a medrar por admisión de estados que poden desestabilizala.
No seu fraseado vese unha fe de crear que non todos os europeos manifestan. E, apertados polos comensais, logo deixarían deducir que os ingleses meteron o fociño na Unión co vil propósito de rebentala (velaí a momia Thatcher e os seus alegatos; o Tony laborista e os seus medos).
O desacougo chega coa finura da sobremesa e as referencias ao Mercosur:
Os ianquis non perdoan; e agora, alén da Inglaterra, teñen outro aliado, a Polonia que peta ás portas de Bruxelas…
Tomemos nota, e sigamos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*