Obxectivos (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/06/2001)

Tempo de aeroporto. Os aeroportos son antesalas do paso ao limbo, que é voar… En canto agardo, esperanzado (de chegar ata Corrientes no fértil Nordeste arxentino), escribo o froito da lembranza.
Necesito recordar –escribindo– as horas agradables que nos fixo pasar Xosé Manuel Silva na Coruña, co seu xeito de se expresar como se nada importase canto el di, á maneira dos que fan de verdade sen teren que pregoar os seus actos.
O Silva executa a metade dos gastos da Unión Europea, os que corresponden á agricultura, como quen explotase unha adega, negocio que tanto lle gusta –e sobre o que nos deu unha espléndida noticia: hai moito viño bo no mundo. En Arxentina e Francia sobran stocks
O director xeral de Agricultura da Comisión Europea falou para os medios de comunicación, e soubo fuxir, con chantadina habilidade, das trapelas que lle tendeu Carla Vidal.
Despois fíxoo para un público selecto ao que se lle vían intencións técnicas. Rapaces con traxe e modos de consultor tomaban notas dunha lección gratuíta.
Finalmente, abriuse a unha conversa de cea que merece capítulo á parte.
Falou moito máis có Fidel de Cuba e non lle foi mal.
Do que dixo publicamente no Club Financeiro Atlántico salientan o seu debuxo do modelo rural europeo “irrenunciable”; a súa seguridade de que ese modelo une Europa, “malia as diferencias europeas: o máis triste e o máis lindo do meu traballo”; e unha suxestión de obxectivos para Galicia, “país con tecido rural denso”: calidade, diferenciación e trazabilidade.
Oxalá lle fagan caso.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*