No trigal (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/06/2001)

Se funcionan con normalidade as técnicas de que nos valemos os humanos neste comezo de século, cando estas liñas cheguen aos pacientes lectores, o seu autor hase achar moi lonxe de onde fai vida a cotío (meridianamente, entre Viveiro e Braga)
Mais, seguindo a crónica dos días, direi que o 24 de xuño do anno domini 2001 foi espléndido no Arco Ártabro, segundo lembro.
Espreguizouse o pobo moi tarde, e por todo lugar, así fose urbano, suburbano ou rural, restos de cacharelas ennegrecían o mundo coa súa historia de cantos e saltos, de comes e bebes no escuro, de música e bicos.
Esperaba por min a Aixa, nerviosa, porque anda alta; a botei a andar no seu lombo polos frescores dunha pista que algo cheira a carbón, de incendio recente.
Así recibín a chamada telefónica de Xosé Manuel Silva, quen exerce de amigo alén de director xeral de Agricultura da Unión Europea.
Falábame galego da súa terra, chantadino, pousón; e contou que estaba a tomar decisións transcendentes onde adoita facelo, paseando pola Ribeira Sacra.
Díxenlle que eu ía a cabalo e preguntoume se, coa idade, iso non é malo para a próstata; ao que lle respondín que non (sempre que a vexiga vaia alixeirada, claro)…
E seguimos, entrando aos poucos na beleza do val onde todo rebenta de luz e verde: o millo deu en nacer cunha esperanza clorofílica, tesa; e o trigo fai mares que a brisa arrola.
Nunha trigal tenro, á beira do camiño, as canas esmagadas marcaban un leito de amor.
Para iso, señores, foi o San Xoán trouleiro:
Para que a vida nos siga a enganar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/06/2001]

Share

Deixar unha resposta