Marilar e Antón (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/06/2001)

Volvendo do espectáculo das fogueiras coruñesas, na madrugada estaban os xornais frescos de tinta. E por eles soubemos do acontecido en Viveiro, na festa de Edicións Xerais.
Marilar (Ximénez) Aleixandre, que ten nome de escritora composto con caprichos, escribira unha das obras premiadas; e o Antón Cortizas a outra, de lindo nome que inclúe o dun paxaro negro, de alaranxado bico.
Andada a mañá e de camiño á cabalgada de cada domingo, unha moza da Radio Galega facía falar á Marilar (o Antón andaba fuxido por Pantín, seica). E a Marilar falaba madrileñamente, con vogais e consoantes que os galegos non saben artellar.
Esta muller ten un mérito de abraio, porque xamais será nin híbrida, feita aquí por osmose; e, con todo, teima en escribir un idioma aprendido que a inmensa maioría dos galegos din non saberen ler, cegados polo seu complexo de cultural inferioridade.
Parabéns, Marilar, e un bico. Vivan as suxeitas valentes, que meten a condición feminina onde antes nunca entrara: casualmente nos premios de Xerais…
Por veces penso en falar seriamente coa Ximénez (¿por que ocultar apelido tan cristián?) e proporlle que desertemos: ¿que diaño facemos escribindo en galego nós, os donos naturais da lingua do Imperio?
Pero hai galegos bos e xenerosos coma o Cortizas de Ferrol, que sabe de costureiras para facer contos.
Polo Antón e a súa nación mínima cómpre que sigamos na loita; sobre todo se os desa nación, como o Cortizas, saben que Portugal existe.
Parabéns, Antón. Que a próxima sexa de albardeiros.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*